Sunday 19 de May de 2024

A Xunta autoriza o gasto de 29,6m€ para contratar as obras da 1ª fase de prolongación da vía Ártabra ata a autoestrada AP-9


Feijóo afirma que está previsto un modificado no contrato para executar a 2ª fase en canto o Ministerio de Fomento autorice a conexión
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou no Consello da Xunta da autorización do gasto para poder contratar as obras da 1ª fase da prolongación da vía Ártabra ata a autoestrada AP-9. Será entre o enlace da N-VI e a autoestrada autonómica entre San Pedro de Nós e Mabegondo.

Para levar a cabo o proxecto, dixo, disporase dun orzamento de 29,6M€. Esta partida permitirá licitar as obras nas vindeiras semanas para adxudicar, o antes posible, unha vía libre de peaxe que dará continuidade ao tramo actual en servizo da vía Ártabra entre o Castelo e a estrada N-VI.

Ademais, o presidente da Xunta avanzou que xa está previsto un modificado no contrato para executar a 2ª fase que daría continuidade a vía Ártabra desde o enlace coa AC-221 ata conectar coa autoestrada do Atlántico en canto o Ministerio de Fomento autorice a conexión, de forma que a Xunta investirá en total 35M€.

Xa para rematar, Feijóo lembrou que co gasto autorizado hoxe o Goberno galego dá un paso máis para vertebrar a comarca da Coruña e un paso máis na articulación dunha vía transversal que facilitará os tráficos de entrada na cidade.